Historia do Arquivo Musical da Banda Garrote




ARQUIVO MUSICAL DA BANDA GARROTE – ORTIGUEIRA ( 1886-1959 )



Arquivo Musical da Banda Garrote

O arquivo musical da Banda Garrote (Ortigueira – A Coruña) abrangue o período entre os inicios da Banda, cando José María Garrote Rodríguez comeza as súas andaduras musicais, e remata co seu neto Andrés Garrote Armada uns anos despois de  deixar a dirección da Banda en 1959.

O contido do arquivo ten tres seccións. Partituras de Banda, Partituras de Piano e Material bibliográfico. Expoñemos a parte correspondente ás partituras de Banda.

As partituras de Banda
A achega do fundador José María Garrote está pouco definido, pode que se limite  a composicións para violín e Pequena Banda, xa que José María era un excelente violinista.(Este período precisa dun estudo máis exhaustivo).



O seu fillo Manuel fai importantes incorporacións tanto de material manuscrito, pola súa relación con Benito Vilumbrales, Fernández Benavides (Ferrol) e,  Felipe Paz Carbajal (Pontevedra), como de obras impresas.

Recordemos o que se decía en relación ás festas  de San Pedro de Feás no Programa de 1946:
El programa de estas pequeñas bandas era muy reducido y se “ estrenaba “ generalmente en la fiesta de San Pedro en Feás , en cuyo atrio entraba la banda tocando un pasodoble, y a continuación subía al engalanado “ palco “ donde interpretaba una “ tanda de valses “ con su correspondiente introducción y coda; una “ danza “; una “ polka “ siempre obligada de cornetín; otra “ danza “ por regla general obligada y una “ mazurka “tambien obligada y casi siempre de bombardino. Terminaba la fiesta con un pasodoble, único que se tocaba en el “ palco” en aquellos tiempos. Todas estas obras, manuscritas, eran compuestas a propósito para cada agrupación, la cual tenía la propiedad y la exclusiva de ellas en la comarca. Entre los autores de esta música, además del conocidísimo Furés, podemos citar a Don Felipe Paz, de Villagarcía,  y a los ferrolanos Pedro Suarez y Santos Rodriguez, este último especialista en mazurcas de clarinete y bombardino.

O redactor do artigo “La música en Ortigueira“ que asinaba “F“, tiña boa memoria, no Arquivo temos recollidas 48 obras de Salvador Furés, 4 de Pedro Suárez, 49 de Felipe Paz Carbajal e unha danza de Santos Rodríguez.



Pero son tamén os propios músicos da Banda os que copian e envían os seus manuscritos, deste xeito podemos salientar as remitidas por Doce de San Claudio- Baixo, en 157-2.



Un músico que destaca entre todos polas súas achegas, é Ricardo Insua Pego.





Ricardo mantivo una relación epistolar moi afectuosa con Manuel da que destacamos a seguinte carta.




O derradeiro destino do que temos noticia é en Marín (Pontevedra) no ano 1958.

O período 1931-1959 (Andrés Garrote) é cando se produce o maior aporte de composicións, debido fundamentalmente ao interese de Andrés na adquisición tanto de novas partituras  como de partituras de músicos xubilados e falecidos. Merca arquivos completos como o do mindoniense José Lodeiro Piñeiroa de quen hai máis de 100 obras manuscritas. Incorpora obras enviadas polos emigrantes entre os que cabe salientar as do seu cuñado Moisés Cobelo, quen lle enviaba con frecuencia obras do mercado americano facilitando a posibilidade de interpretar, case como primicias, entre outras, as marchas de Sousa dando gran vistosidade e novidade aos desfiles.

A partir de 1959 o arquivo sufre dous efectos desfavorables, por unha banda a xenerosidade de Andrés quen non dubidaba en facilitar partituras a cantos directores pasaban pola casa e que nunca ou moi poucas veces retornaban e, por outra  unha inundación que, sen ocasionar unha perda irreparable si deteriora algún material.
Da relación de obras existentes no arquivo recuperáronse 22 follas manuscritas cas que se puideron realizar 1368 entradas que, comparadas cos rexistros actuais resulta a desaparición de  243  obras.



En 1975 asumo a responsabilidade da conservación do arquivo.

Actuacións no Arquivo

En primeiro lugar fíxose un traballo de limpeza e ventilación. Clasifícanse as obras polo seu tamaño e dentro del por xéneros.
As partituras se ordenan en 227 arquivadores que conteñen máis de 6000 títulos.

A ordenación dos arquivadores fíxose atendendo a dous criterios:
  • 1-     Aqueles compositores que tiveron relación ca familia Garrote, profesores do meu avó (Vilumbrales), amigos (Fernández Benavides), profesor de meu pai (Gregorio Baudot) amigos (Rogelio de Leonardo Bouza, Higinio Cambeses Carrera) ou mesmo compositores galegos, entre os que podemos salientar polo número de composicións, a José Antonio Lodeiro Piñeiroa (117), Soutullo R. (64), Felipe Paz Carbajal (43) ou Ricardo Dorado Janeiro (38)
  • 2-     O resto

Co asesoramento do meu pai Andrés, deseño unhas fichas que cumprimentadas nos permiten coñecelo contido do arquivo.

FICHAS
Cara 1:
                                                 ARQUIVO DE MUSICA X. GARROTE
TIDUO…………………………………………………………………………………………………………………….
AUTOR/ES…………………………………………………………………………………………………………………..
TEMA:…………………………………………………………………………………………………………………………
GUIÓN:…………………………………………………….GUIÓN………………………………
PARTICHELAS: Frautin- Frauta- Óboe- Requinto- Clarinete principal- Clarinete 1º-Clarinete 2º-Clarinete 3º-Saxo alto 1º-Saxo alto 2º-Saxo tenor 1º-Saxo tenor 2º-Baritono-  Fliscorno 1º-Fliscorno 2º-trompeta 1ª-Trompeta 2ª- Trompa 1ª-Trompa 2ª- Trompa 3ª-Trombón 1º-Trombón 2º-Trombón 3º-Bombardino 1º- Bombardino 2º-Baixo 1º- Baixo 2º- Caixa- Bombo

Cara 2
OBSERVACIÓNS:………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………

A catalogación párase durante un tempo ata 2014. A partires desa data remátanse as fichas e faise unha base de datos (Microsoft Access 2007) que contén a relación de tódalas partituras de Banda do arquivo.

Dixitalización das partituras

Nunha segunda fase  se dixitalizaron tódalas obras dos músicos indicados anteriormente e de algúns máis polo feito de estar relacionados entre si ou por que a súa obra viña na outra cara da partichela,  por poñer algún exemplo e as súas relacións citaremos:

Varela Silvari profesor do Mtre. Lodeiro

Os galegos amigos de Soutullo: Andreu Cristobal Lorenzo (15), Cristobal Martín Julio (1), Demetrio Dorado de la Cruz (3), Lago Durán Germán (6), Losada López José (4), Alfredo Fernández Nan de Allariz (1) ou amigos non galegos como Quislant Botella Manuel (5) e Francisco R. Nuñez (2)

De Ricardo Dorado Arroyo  pai de Ricardo Dorado Janeiro e antigo director da Banda Municipal de Betanzos, de quen hai escasa información, se dixitalizaron cinco composicións e catro instrumentacións. Unha copia dixitalizada das nove obras foi xa entregada ao Arquivo do Concello de Betanzos.

Como non podería ser doutro xeito, outras copias da obra completa dixitalizada do mindoniense, o Mestre Lodeiro, foron doadas á Escola de Música de Mondoñedo, á Universidade de Santiago, á Banda Militar de la “Fuerza Logística Operativa“ de A Coruña sucesora da Banda da que foi director o Sr Lodeiro, á Banda Municipal de A Coruña e á Real Academia da Lingua Galega, ao Concello de Ortigueira unha copia completa dos fondos do  Arquivo e a Carlos Diéguez director da Escola de Música do Concello de Ortigueira.
Entre as obras do Mestre Lodeiro estaba a partitura para piano  do primeiro himno do F.C. Barcelona. A partitura orixinal foi doada ao F.C. Barcelona co fin de que fose exposta no Museo do Clube donación que se formaliza nun acordo con data 25 de febreiro de 2015 e cun acto público no Museo o día 8 de marzo de 2015 onde o destacado pianista Ignasi Terraza interpretou a partitura.




Da mesma maneira unha copia dixitalizada da obra de Felipe Paz Carbajal tamén foi entregada ao seu neto Sebastián Paz, pois está a preparalo Centenario do seu Pasamento (en 2018).

Salientar a estreita colaboración co profesor e pianista acompañante do Conservatorio Superior de Vigo Alejo Amoedo quen está a realizar a tese doutoral  “El piano en la obra de Reveriano Soutullo Otero (1880-1932)”.

Despois dunha revisión da obra do compositor de Ponteareas existente no Arquivo, saca á luz 35 obras inéditas e 12 das que se coñecía o título pero non as partituras. Este importante achádego ven a reafirmar a importancia do Arquivo da Banda Garrote.

A derradeira colaboración foi realizada co profesor do conservatorio de Jerez de la Frontera D. Jaime Álvaro Merodio Pernía quen baixo a tutela da Universidade Internacional de Andalucía está a investigala figura do compositor jerezano Germán Alvarez Beigbeder de quen aportamos unha copia dixitalizada do manuscrito de
“Cerverita“ o “Suspiros de Andalucía“ (dedicada ao Almirante Cervera).
Beigbeder estivo ao frente da Banda de Infantería de Mariña do Ferrol en 1915 en substitución do titular D. Gregorio Baudot ao ser destinado a Larache (Marrocos) o 18/9/1915

Neste momento no arquivo hai 6067 títulos dos que  1093 son anónimos. Manuscritos 2016  e 3927 están impresos.



Os Xéneros máis comúns son:

     Pasodobres    1170
     Valses              566
     Marchas           417
     Fox                  346
     Polcas             282
     Tangos            273
     Mazurcas        263
     Chotis             182
     Danzas           175
     Xotas              172
     Habaneras      146
     Relixiosas       118
     Boleros           113

Os compositores con maior presenza son Jaime Texidor Dalmau (Barcelona 16/4/ 1884- Baracaldo Vizcaya 23/2/ 1957) con 245 obras.
Jaime Texidor Dalmau foi director da Banda do Rexemento Melilla nº 68 ata 1924. Despois de abandonar a vida militar  dirixe a Primitiva de Claret (Valencia). En 1928 e ata a súa morte dirixe a Banda Municipal de Baracaldo.

O segundo compositor con maior presenza é Lorenzo Luís con 183 composicións. Lorenzo Luís (5/9/1882 en Fitero Navarra-1946 Fitero). Foi músico Maior nunha Banda Militar en Burgos e, cando deixa a vida militar forma unha Banda en Fitero que acadou un gran renome. Exerceu a docencia musical desinteresadamente entre os seus veciños.

O terceiro compositor salientable polo número de composicións e o mindoniense José Antonio Lodeiro Piñeiroa (Mondoñedo17/3/1868 - A Coruña 22/12/1934), con 117 obras. Para un maior coñecemento de Lodeiro suxiro a lectura de “José Lodeiro Piñeiroa. Biografía y obra de un Músico Mayor de Primera“ por Andrés García Doural. Mondoñedo-Lugo.
Os traballos de dixitalización continúan aínda que a un ritmo máis lento.

O Futuro do Arquivo

Este traballo inicial de conservación e primeira catalogación do arquivo musical de Banda Garrote desexamos sexa un incentivo pra estudantes, profesores/as de Conservatorio que queiran facer un estudo máis específico con traballos de investigacións ou teses doutorais, dende logo, hai material suxestivo pra elo.

Tamén este arquivo está aberto a tódalas persoas que mostren interese por algunha das partituras do fondo, Directores de Banda, músicos, investigadores ou interesados en xeral, aos que se lles facilitará as copias  dixitalizadas.

A importancia dos arquivos non radica unicamente nas partituras manuscritas como logo veremos. Ademáis da música aparecen outros tipos de información da que se pode extraer valiosos datos referidos a evolución e á composición da plantilla.

A outra parte do Arquivo

Estase en proceso de catalogación das obras de piano así como a parte bibliográfica que se cadra, poderá  axudarnos a coñecer mellor o labor pedagóxico levado a cabo por Manuel Garrote e os seu irmán Francisco, o “Tío Paco”, verdadeiro artífice do ensino musical na bisbarra de Ortigueira.
Este é o espírito que move a xestión do Arquivo da Banda Garrote, facelo público dando acceso a este patrimonio documental musical pois a música gardada é música esquecida.   

Canto nos gustaría poder escoitar novamente, tal como soaban en aquela época, moitas destas vellas e fermosas partituras!.

Canto nos gustaría que non se perdese este patrimonio cultural!.

Ningún comentario:

Publicar un comentario